6 de xaneiro de 2022

c5?

Do concurso de relatos de AGAX do que aínda temos pendente a entrega.

C5?

-Cabalo e7,...,non, mellor Cabalo f6

Xurxo axustouse as luvas de látex e a máscara, virou o  pomo da porta da súa casa e saíu ás escaleiras. 

Era verán, o 15 de Agosto de 2020 e a corentena había vinte días que quedara atrás, pero non había que confiarse, o virus podía estar en todas partes porque non entendía de calendarios, no interruptor da luz, no ascensor, en todas partes...

Baixou andando e unha vez no portal abriuno coidadosamente co cóbado, tal e como lle ensinara o seu pai e saíu á rúa. Os raios de sol cegárono levemente pero a calor e a luz eran reconfortantes despois de tantos meses entre catro paredes.

-Cabalo f6, é mellor deixar o cabalo defendendo un posible enroque curto.

Os seus pensamentos estaban enfocados nun único obxectivo, derrotar por fin a Dani e converterse por primeira vez no taboleiro número un do seu colexio, o María Barbeito. A corentena atrasara o momento, pero a hora chegara. Por fin acabaríanse as risas e a broma. Desde que catro anos antes inscribísense nas clases de xadrez, Xurxo xamais derrotara a Dani en partida oficial. Si, gañáralle algunha partida amigable, pero sen nada importante en xogo. Nos torneos, e á hora da verdade, o seu compañeiro de clase sempre se impuña.

- Até logo Xurxo - Xurxo saudou cunha leve inclinación de cabeza á súa veciña do 5º cando se cruzaron na beirarrúa. Nunca lle caera ben, e ademais non podía permitirse o luxo de perder a concentración. 

Dani sempre abría con e4, el respondíalle con e5, entraban en posicións da apertura italiana e seis ou sete xogadas despois e, non sabía moi ben como, xa tiña dous ou tres peóns de menos e iso púñao nervioso.  A Xurxo gustáballe xogar con material de máis, maldita sexa, e a quen non...

Xurxo cruzou polo paso de peóns principal de rua Mosteiro de Caaveiro e con paso firme continuou a marcha até o seu colexio.

-A ver que cara pos cando mova o peón a c5...

Xurxo sorriu. Preparara a conciencia a defensa siciliana grazas a uns vídeos tutoriales de YouTube. E non unha liña calquera, a variante Najdorf, a favorita do seu ídolo, Kasparov. Dani prefería a Carlsen, pero na humilde opinión de Xurxo, Garry tiña algo que lle faltaba ao noruegués, aínda que non sabía explicar moi ben o que. Uns anos mais tarde atoparía a palabra que buscaba, carisma,  pero tiña 12 anos, non 16...

Claro que Dani podía empezar con d4 e nese caso...

O coche golpeouno practicamente á altura da cadeira e arroxouno cinco metros cara atrás. Xurxo sentiu un estalido vermello brillante cando a súa cabeza impactou contra o asfalto quente. O último que escoitou foron os berros desesperados da súa veciña do 5º pedindo axuda, esa que lle caía mal...

Xurxo esquecera a regra de ouro de calquera xadrecista, nunca perdas de vista as ameazas reais.

A pouca distancia, o semáforo que se acababa de saltar, pasou da cor vermella ao verde.

-Mal...dito Dani..., outra vez vaise... librar...- pensou Xurxo antes de desvanecerse.

FIN

Ningún comentario: